Chámome María López e desenvolvín toda a miña carreira profesional vinculada a entidades do terceiro sector acción social, deseñando, implementando e avaliando proxectos de educación e integración laboral desde un enfoque de impacto sociocomunitario, destinados a aquelas persoas que presentan maiores dificultades e menos oportunidades.
Creo firmemente no poder transformador das organizacións sociais e, tendo en conta que as políticas baseadas na igualdade de oportunidades non xeran de maneira natural igualdade de resultados – debido, principalmente, ás características individuais de cada un de nós – a súa función no contexto socioeconómico actual cobra unha maior importancia, sobre todo se asumimos que son elas mesmas as primeiras que deben transformarse, profesionalizándose e exercendo un comportamento ético que as dote da lexitimidade que foron perdendo paulatinamente en favor do desenvolvemento económico.
Esta realidade aprendida durante todos os meus anos de traballo social foi a principal motivación que me levou a interesarme pola Responsabilidade Social Empresarial, xa que esta obriga ás empresas a un comportamento máis sostible, económica e socialmente, pero converte ás organizacións sociais en meras receptoras destas iniciativas e ás que debemos presupoñer un comportamento ético unicamente pola súa razón de ser.
Cursei o MAiE no ano 2014-2015 e atopeime cunha titulación nova na que case non había perfís das miñas características e na que practicamente a totalidade dos meus compañeiros/as proviñan do mundo da economía e empresa. Isto que en principio pode parecer un hándicap, converteuse no verdadeiro valor da miña promoción, porque se me abriron as portas dun mundo - que xa coñecía, pero ao que aínda non lle poñía nome – relacionado coa planificación estratéxica que me resultou apaixonante.
Lembro esta época con moito cariño, debido a que me atopaba nun momento de reconversión profesional que me levou onde hoxe estou e manteño unhas relacións moi estreitas con moitos dos alumnos/as que me acompañaron neste camiño. Seguimos crecendo xuntos/as e isto é o verdadeiramente importante.
Ademais, os vínculos establecidos con algúns dos profesores/as seguiron fortalecéndose ata o día de hoxe e só teño palabras de agradecemento para eles/as, especialmente para Carmen Otero, que sempre tivo aberta a porta do seu despacho para nós e confiou – e segue confiando – en min. Este é outro dos valores engadidos que marcan a diferenza do MAiE. Actualmente atópome tentando sacar adiante unha tese centrada en todos estes aspectos e sigo traballando, cada día, empeñada en cambiar o mundo a través da miña acción na contorna máis próxima. Non podo adiviñar que motivacións levarán aos alumnos/as de hoxe a cursar esta titulación, pero entendo que as súas non distarán demasiado das que foron as miñas, así que máis que aconsellar ou enumerar unha lista de causas e consecuencias que cumpran esta función, simplemente afirmarei, citando a Walt Whitman, que outra forma de facer é posible, así que agora é o teu momento, úneste?
“Que estás aquí,
que existe la vida y la identidad,
que prosigue el poderoso drama,
y que tú puedes contribuir con un verso”.
¡Oh, mi yo! ¡Oh, vida! (Walt Whitman)